Thursday 28 de March de 2024

Comezan as obras de renovación das liñas de saneamento nas rúas Delicias e Dunas na localidade de Corrubedo


A actuación permitirá eliminar un punto de vertido ao mar

 

Santa Uxía de Riveira, 23 de setembro de 2019.- O Concello de Riveira informa do inicio dunha actuación dirixida á renovación das liñas de saneamento e reposición de pavimentos das rúas Delicias e Dunas en Corrubedo.

A obra está sendo executada por Excavaciones y Obras Marcos, S.L. Comporta un investimento de 100.292 euros, IVE incluído, financiados no marco do Plan de Acción Social da Deputación.

A decisión de emprender esta obra está motivada porque as acometidas das augas residuais das vivendas situadas en rúa Delicias están conectadas a un colector de formigón no medio da calzada polo que descorren conxuntamente fecais e pluviais. Esta tubaxe conta con pouca pendente e o seu diámetro non é suficiente para evacuar todo o caudal que chega en tempada de chuviais, producíndose con frecuencia inundacións na zona. Ademais, o pavimento de aglomerado está bastante deteriorado, con asentamentos apreciables.

Por outra parte, na rúa Dunas non existe rede separativa de xeito que fecais e pluviais se recollen nun antigo colector de formigón que descorre polo centro da rúa.

Ademais, ambos colectores conéctanse cun emisario situado na praia das Furnas, co que se fai preciso conectar as augas residuais ao colector de PVC conducente á nova EDAR de Corrubedo para eliminar estes vertidos.

A tal efecto, resulta necesario instalar unha nova liña de saneamento cun bombeo en rúa Dunas e realizar todas as acometidas de augas residuais da rúa Delicias a este colector de PVC, executando ademais dous novos tramos. Os colectores de formigón actuais manteranse como liñas de pluviais.

En total, as instalacións proxectadas son:

• Fecais
o 164 metros de tubaxe de PVC SN4 compacto de 250 milímetros de diámetro
o 137,50 metros de tubaxe de PVC SN4 compacto de 315 milímetros
o 35 metros de tubaxe de polietileno de 90 milímetros
o 19 pozos de rexistro
o 58 unidades de acometidas domiciliarias
o 2 bombas sumerxibles
• Pluviais:
o 22 metros de tubaxe PVC SN8 corrugado de 315 milímetros
o 7 pozos de rexistro

Polo que se refire aos pavimentos, aglomerarase todo o ancho da calzada cunha capa de mestura bituminosa en quente, en tanto que as zonas onde sexa necesario demoler baldosa hidráulica se procederá á súa reposición.

A obra, que ten un prazo de execución de catro meses, efectuarase por tramos para minimizar as molestias aos veciños. Comeza pola rúa Dunas.